Esta entrada pertencerá a outra parte deste blog que vai ser a do diario.
Este será un diario de clase, no que farei un pequeno resumo do visto na clase
e o que me parece.
Comezo entón pola primeira clase, do día 12/11/2014, que foi unha sesión
introdutoria na que nos presentaron a idea do blog/portfolio. Dedicamos a
meirande parte da tarde a este tema, así como a aplicación deste sistema a
outras materias impartidas polo profesor. A verdade é que me gustaría que as
nosas clases de francés na carreira tivesen sido así.
Ben, a segunda parte da clase dedicámola xa a dar parte da materia. Foi
unha breve introdución da clasificación das linguas segundo a maneira de
adquirilas: lingua inicial, lingua segunda, lingua estranxeira, etc. para logo
facernos ver que ao ser diferente a forma de adquirilas, tamén o debe ser a
metodoloxía que se emprega á hora de traballar con elas. Especialmente revelador
foi o caso de que moita xente en Galicia, a pesar do dito, non é bilingüe desde
o comezo, senón que en moitos casos o galego ou castelán son linguas
ambientais. Sen embargo na eudcación galega a metodoloxía para ámbalas dúas linguas é igual sen importar a situación dos alumnos con respecto a se unha ou outra son a lingua inicial ou segunda.
Isto fíxome reflexionar moito sobre a miña situación: nacín en Ourense e
vivín alí até os 6 anos e, aínda que os meus pais me falaron sempre en galego,
ao ir a gardería e cursar educación infantil nun ambiente castelanfalante
acabei falando máis castelán que galego. Recordo como cando ía a aldea as
vellas se metían co meu irmán e máis comigo por falar castelán. Sen embargo,
aos 6 anos fomos vivir a esta mesma aldea e cursei toda a miña educación
primaria e secundaria nun ambiente case totalmente galegofalante e enseguida
cambiamos ao galego até o dia de hoxe. Polo tanto está clase espertou moitas
dúbidas xa que eu sempre me considerei bilingüe sen máis. Pero agora penso se
en realidade foi o galego a miña lingua inicial e o castelán unha lingua
segunda que pasou a ser a primeira pola influencia do meu ambiente? E se,
despois, ao volver a un ambiente galegofalante, o galego converteuse
definitivamente na miña lingua habitual? Vos que opinades?
En resumo, pareceume unha clase moi interesante pola introdución destas
novas nocións sobre os distintos tipos de linguas segundo cando e de que forma
se adquiren. Tamén teño que dicir, que me sorprendeu que durante toda a
carreira nunca nos falasen disto xa que me parece algo básico sobre a ensinaza das linguas.
Un saúdo e até a próxima!

Ningún comentario:
Publicar un comentario