mércores, 28 de xaneiro de 2015

Tema 10: O traballo a través de proxectos



Boas de novo,

Esta entrada está dedicada ao tema 10 que trata sobre o traballo a través de proxectos. Primeiro destacarei o que me pareceu máis interesante sobre a presentación feita por Gonzalo sobre o tema e, despois, comentarei as presentacións das miñas compañeiras sobre o tema.

Presentación PowerPoint: Tema 10

En primeiro lugar gustaríame deixar claro que nunca durante a miña educación levei a cabo ningún tipo de traballo a través de proxecto e, polo tanto, o que vou comentar agora é todo froito da presentación feita por Gonzalo. Algo que me parece moi importante sobre este método é o feito de que o alumnado sexa quen planifica, desenvolve e, incluso, avalía. Paréceme que isto supón unha gran oportunidade para desenvolver, entre outras moitas cousas, a independencia e iniciativa propia. Ademais, o feito de que o resultado final teña unha aplicación no mundo real máis alá da aula paréceme algo moi motívante para o alumnado.

Nada máis comezar a presentación, Gonzalo fixo a distinción entre traballo a través de proxectos e o traballo por tarefas. Penso que é importante esta distinción porque eu non a tiña ben clara: mentres que as tarefas adoitan ser un pequeno traballo individual ou en parellas, o traballo a través de proxectos involucra a un grupo de persoas máis grande e leva moito máis tempo ca as tarefas. Outra cousa a resaltar é a estratexia educativa holística, o que quere dicir que o traballo a través de proxectos engloba múltiples destrezas máis alá do estritamente educativo como poden ser as relacións persoais.

Entre os beneficios dos que se fala na presentación, destacaría a gran motivación que supoñen estes traballos, o feito de que tódalas tarefas se fagan en lingua auténtica e que se promova a aprendizaxe autónoma (algo que repercutirá nos futuros estudos e carreira do alumnado). Ademais, todo o que supón levar a cabo un traballo en grupo (partillar ideas, expresar opinións, negociar solucións, etc.) é algo moi útil no mundo no que vivimos no que cada vez máis este tipo de traballo colaborativo se impón con máis forza.

En canto as reticencias mostradas por algúns docentes á hora de levar a cabo este tipo de traballos, Gonzalo manifestou que estes pódense introducir perfectamente dentro dun curso da E.S.O. ou Bacharelato. O único que fai falla é que os seus obxectivos teñan que ver co proxecto educativo e o currículo. Polo tanto, non hai escusa posible para non levalos a cabo.

Con respecto a todo o proceso, destacaría a fase final e, dentro dela, a parte da difusión. Paréceme moi interesante que o produto final do traballo vaia ser visto ou avaliado por xente que entende do tema. Como xa dixen antes, isto é algo que ten que ser moi motivante e un gran estímulo para o alumnado á hora de levar a cabo o traballo.

Presentacións

Agora vou destacar o que máis me chamou a atención das presentacións das miñas compañeiras Laura Ferro, Andrea e Nadia.

No caso da presentación de Laura, pareceume moi interesante levar a cabo algo tan realista como gravar un programa de radio. Ademais, o feito de que se teñan que usar tres linguas (castelán, inglés e francés) xunto coas novas tecnoloxías para montar o programa fai que o proxecto sexa moi completo. Ao igual que se dixo na presentación de Gonzalo, esta actividade precisa de moita autonomía e iniciativa por parte do alumnado. Estou de acordo co dito por Laura sobre o que dixo sobre o desenvolvemento da actividade: a min tamén me parece que o tempo era demasiado xusto en certos puntos. Aínda que, como Gonzalo comentou a posteriori, este era un proxecto sobre o papel que aínda non se levara a cabo. Pareceume lóxico a rotación de roles en case tódalas partes do proxecto para que así todos poidan experimentar e adquirir tódolos coñecementos.

En canto á presentación de Andrea, destacaría o gran uso das novas tecnoloxías ao consistir o proxecto na creación dunha páxina web. A verdade é que o proxecto exposto seguía o modelo presentado por Gonzalo e pouco máis teño que engadir. Só dicir que ao usar tanto a tecnoloxía serviría para mellorar o uso desta pero que, como dixo Andrea, o proxecto era demasiado ambicioso para ten pouco tempo e que, o feedback na última semana co proxecto xa rematado non era de moita utilidade.

Por último, a presentación de Nadia centrábase na autoavaliación do alumnado no traballo por proxectos. Pareceume destacable os beneficios da autoavaliación no propio alumnado xa que mellora a motivación, aumenta o sentido da responsabilidade e axuda a aliviar a presión para os alumnos con respecto á presentacións.  Como no caso do artigo de Andrea, vólvese mencionar en que consisten os traballos por proxectos e as súas múltiples vantaxes. Entre elas atopase o traballo en equipo que, como Nadia resaltou, é moi importante xa que prepara ao alumnado para o mundo real xa que nas empresas hoxe en día é o que se estila.

Isto é todo con respecto ao tema 10. Até a próxima,

Laura

xoves, 22 de xaneiro de 2015

Tema 9: O ensino da expresión oral



Nesta entrada falarei do tema 9 que trata sobre a expresión oral. Primeiro comentarei as fotocopias sobre a expresión oral e as subdestrezas. Despois destacarei o que me pareceu máis interesante sobre o presentación de powerpoint e, finalmente, falarei das dúas presentacións feitas sobre o tema por parte das miñas compañeiras. A terceira presentación, que será a miña, subireina aquí mesmo e a Edmodo unha vez a faga.

Fotocopias

Comezamos este tema 9 cunha pequena actividade na que por parellas tiñamos que debater tendo cada un unha tarxeta coa nosa opinión. Sen embargo, a actividade tiña truco xa que ao ser as tarxetas iguais non había conflito a partir do cal levar a cabo unha conversa. Isto pareceume unha forma moi orixinal de facernos darnos conta da necesidade dun conflito neste tipo de actividades. Ademais, como warm-up tamén fixemos un brainstorming no que conseguimos xuntar moitas propostas de actividades para practicar a oralidade (representacións teatrais, xogos, cantar, etc.)

Centrándome xa nas fotocopias en si, a primeira trataba sobre a “Expresión e interacción orais, e subdestrezas”. O que máis interesante me pareceu foi o concepto de práctica controlada, semicontrolada ou aberta e como o tipo desta inflúe no que se practica: a fluidez oral ou a práctica da lingua oral. Tamén é destacable esta distinción entre aprender os trazos típicos da lingua oral e practicalos (práctica da lingua oral) e ser quen de falar dunha forma automatizada (fluidez oral).

A segunda fotocopia tiña por título “Subdestrezas de expresión e interacción oral” e nela vimos 5 subdestrezas: pedimento de esclarecemento, cambio de quenda, marca de transición ou límite, feedback e reparación. Como ben apuntou algunha compañeira na clase, creo que subdestrezas como o cambio de quenda ou a marca de transición ou límite non son moi traballadas e, polo tanto, como futuras doncentes penso que as deberíamos traballar todas por igual ao ser todas moi importantes na interacción oral. Outra cousa moi importante é a comunicación non verbal da que me gustaría destacar que supón o 80% do significado. A verdade é que este dato impresionoume. En relación a isto, pareceume moi interesante a proposta de actividade para que o alumnado vexa como é esta comunicación na lingua meta na que se vería un video de nativos falando (ou incluso sen son).

Presentación PowerPoint: Tema 9

Neste caso a presentación e bastante curta e só me gustaría destacar pequenos detalles. Primeiramente, a distinción que no marco se fai de actividades de expresión oral en contraste con actividades de interacción oral. Como é obvio, non é o mesmo ter que producir linguaxe pero sen interactuar directamente a levar a cabo unha conversa con outra persoa na que ademais de producir linguaxe hai que levar a cabo a comprensión oral do dito pola outra persoa. 

Dentro das diapositivas sobre as dificultades e a compensación destas dificultades,  sorprendeume a fosilización que suporía que o falante dunha lingua estranxeira en lugar de seguir avanzando cara a unha lingua máis “perfecta” se queda estancado e certos erros queden xa como parte da maneira na que fala nesta lingua estranxeira. Pensándoo ben, isto ten sentido e creo que a todos nos ocorreu algo así puntualmente ou sabemos de alguén que o teña.

No apartado de “Que se precisa para poder falar?” destacaría o vocabulario mínimo e o libro de frases. En especial este último, porque paréceme que, polo menos no caso do inglés, os idioms ou collocations non son moi traballados e son algo fundamental dentro do inglés.

Finalmente, a derradeira diapositiva fala sobre “Como activar o coñecemento e destrezas?” no que se mostra as fases segundo distintas teorías. A continuación falarei das presentacións das miñas compañeiras Cristina e Alicia que tratan algún destes aspectos.

Presentacións

A primeira presentación foi a de Cristina sobre “Awareness Rising Activities” ou, en galego, “Toma de conciencia das dificultades de base”. Entre os 5 métodos presentados, destacaría o uso de series ou películas, en lugar de reality shows porque son demasiado espontáneos e teñen un alto grao de dificultade. Por outra banda, o traballo en grupo en canto a oralidade permítelle ao alumnado darse conta dos erros propios que poden ser corrixidos polos demais e, dos alleos que o alumnado verá máis facilmente que os propios. Tamén me pareceu moi destacable a aprendizaxe por parte do alumnado dos speech acts que non son máis que as formas nas que na lingua meta se realizan accións como invitar, aceptar unha invitación, desculparse, etc. En canto aos métodos máis innovadores, as escoitas en directo nas que o profesor se grava mentres fala para despois poder recorrer á gravación cando sexa preciso, paréceme unha idea axeitada porque así existe a posibilidade de preguntar e pódese apreciar ese 80% da linguaxe que é non verbal. Finalmente, sobre  o método da localización das lagoas teño a dúbida de se que o alumno vexa o fallo inmediatamente vai supor que se fixará ou non.

A outra presentación foi a de Alicia sobre “Actividades para a apropiación”. Desta presentación destacaría o control practicado no que está ben visto que se comentan erros como parte do proceso de aprendizaxe dunha lingua estranxeira. Como xa comentamos con anterioridade, hai que quitarlle esa mala fama a errar xa que é algo natural de calquera proceso de aprendizaxe. Entre tódalas actividades ou tarefas propostas nesta presentación destacaría as chamadas tarefas comunicativas nas que se busca que o obxectivo da tarefa non este intimamente ligado co uso da lingua e polo tanto o alumnado se poida distraer desa obsesión do aprendiz de seguir as regras gramaticais e que moitas veces impide a fluidez da lingua.

En resumo, este tema sobre a expresión oral pareceume interesante e útil á vez xa que vin propostas moi interesantes a aplicables a unha clase de inglés e aclarei certos conceptos ou feitos sobre a aprendizaxe e adquisición desta destreza.

Ata a próxima,

Laura

mércores, 21 de xaneiro de 2015

Presentacións tema 8

Boas de novo,

Nesta breve entrada, destacarei o que me pareceu máis interesante das tres presentacións correspondentes ao tema 8 sobre a destreza da comprensión oral que fixeron as miñas compañeiras Isabel, Eva e Ana. 

En canto ao artigo de Isabel (Listening in a Multicultural World), destacaría a idea da comunicación plurilingüe propia de hoxe en día xa que hai anos, xente como a miña bisavoa criouse só co galego e esporadicamente o castelán. Ademais, aínda que xa supuña que había certas barreiras á hora de comprender unha lingua estranxeira oralmente, sorprendeume que tamén nesta destreza inflúa o dominio afectivo co medo a correr riscos ou a sufrir un cambio de identidade. En relación con este dominio, paréceme importantísimo o resilience, saber controlar o estres producido por estas situacións, xa que se non non poderíamos manter unha conversación ao non ser quen de comprender o que din polo noso estado de nerviosismo. Por último, recordar que a nosa natureza xa nos dificulta a aprendizaxe doutra lingua polo feito de que o período no que temos esa capacidade é cando somos moi pequenos mais, aínda así, creo que é posible superar tódolos obstáculos que se presentan neste artigo.

Na presentación de Eva (Empowering the Students through Listening Diaries to Motivate them to Improve their Listening Skills) volvémonos atopar co feito de que a comprensión oral ocupa máis do 50% da interacción e polo tanto é moi importante. A actividade presentada neste artigo, con certas modificacións como xa debatemos na clase, paréceme unha actividade moi interesante e cun gran potencial de motivación para o alumnado polo que non dubidaría en pola en práctica no futuro. Ademais, introducíronse as estratexias metacognitivas para facilitar a autosupervisión e a autoavaliación. Como vimos no tema 9, estas estratexias son moi importantes xa que facilitan a labor do alumnado.

A derradeira presentación deste tema foi a de Ana sobre a Influencia das estratexias metacogitivas no listening  na que se exploran máis profundamente estas estratexias que representarían o que tantas veces nos repetiron neste mestrado: hai que ensinarlle ao alumnado a aprender a aprender. Neste caso, recalcaría a recomendación de que sempre hai que presentar estás estratexias aplicadas nun contexto para que o alumnado poida ver como funcionan así como, ser quen como docente de facerlle darse conta ao alumnado das estratexias que xa usan por eles mesmos para que comprendan o beneficiosas que poden chegar a ser. Ademais, coincidimos toda a clase co dito no artigo sobre que canto antes se lles presenten ao alumnado estas estratexias mellor. Non se pode esperar a que o alumnado sexa bastante maior por medo a que non entendan de que lles estamos a falar senón que, hai que buscar o xeito de explicarllo de maneira sinxela para adaptalo a idades máis temperás.

En resumo, estas tres presentacións reforzaron o visto na parte teórica deste tema 8 así como presentaron novas ideas e propostas sobre e para a destreza da comprensión oral.

Deica logo!