venres, 26 de decembro de 2014

Tema 8: O ensino da comprensión oral (i)



Seguindo co ensino das destrezas de comprensión, tócalle ao da compresión oral. A compresión oral é unha destreza á que non se lle dedica moito tempo na aula pero, sen embargo, comezamos este tema destacando que é a destreza máis usada na lingua nai. Como se pode ver no PowePoint deste tema, esta destreza é a máis usada por unha persoa tendo unha porcentaxe de case o 50%. Como dixen no resumo sobre o tema 7, este é outro deses pequenos detalles que cando os descubrimos nos parecen obvio e que, sen embargo, nunca antes nos decataramos deles. En resumo, só con estas pequenas reflexións sobre a comprensión oral decatámonos da súa importancia e da necesidade de que o seu ensino dentro da clase de lingua estranxeira sexa o máis efectivo e completo posible. 

Para comezar, gustaríame destacar, dentro do que vimos, os fallos máis grandes que lle atopo ao método “actual” que considero que foi o que empregaron comigo. En primeiro lugar, como comentei no parágrafo anterior, o tempo total dedicado á comprensión oral adoita ser moi limitado e só se levaba a cabo cando aparece especificado no libro de texto. Ademais, os audios do libro, como vimos na clase, tenden a ser bastante artificiais. Na miña opinión, isto non axuda a que o alumnado adquira unhas capacidades para desenvolverse en situacións reais que é, ou debería ser, o obxectivo dunha clase de lingua estranxeira: que o alumno aprenda a comunicarse na lingua meta. 

En relación con isto, está o problema dos exercicios que acompañan ao listening: serven realmente estes exercicios para avaliar a comprensión oral? Por exemplo, como ben se comenta na presentación, as respostas a estas preguntas non aseguran que se entendese o texto ou, moitas veces a mala formulación das preguntas fai que o alumnado erre cando realmente comprenderon o audio. Ademais, a resposta correcta proporcionada a posteriori, non lles soluciona nada xa que non infire na comprensión de futuros textos orais. Polo tanto, estou completamente de acordo co dito na clase: este método non prepara ao alumnado para a interacción no mundo real xa que neste tipo de actividades proporcionase unha información antes e durante a escoita que en ningún caso se dará nunha situación comunicativa real. Como punto favorable, podería destacar, o tipo de actividades que consisten en completar grellas ou formularios con información que se escoita, algo que si me parece máis realista e útil desde un punto de vista da comunicación na lingua meta. Xa que logo, aínda que este sistema non me parece completamente válido, tamén ten cousas que fan que non sexa descartábel na súa totalidade.

Pasando ás posibles solucións que se propuñan para solucionar a problemática do ensino ca comprensión oral, gustaríame destacar algúns puntos que me chamaron a atención. En primeiro lugar, como pequeno apunte, paréceme imprescindible o uso de mostras naturais de lingua e non mostras prefabricadas e o emprego de actividades relevantes e útiles. Sen embargo, o punto que máis quero destacar é o de: ensinar a escoitar. A razón é que desde o comezo deste mestrado, inculcóusenos a mensaxe de que, máis que persoas portadoras dun coñecemento a transmitir, debemos ser guías para o noso alumnado e ensinarlles a aprender. Paréceme un concepto moi interesante así como unha tarefa moi complexa. En relación con isto, está o cambio de rol necesario do docente. O profesor debe deixar de ser a fonte de información e deixarlle ao alumnado traballar por el mesmo. Ademais, neste concepto, tamén se inclúe o traballo en grupo aínda que, no caso da comprensión oral, non vexo porque o traballo en grupo sería algo beneficioso: de que serve que unha persoa lle diga ao outro o que escoitou se o outro non o fixo? Supoño que precisaría velo posto en práctica para comprobalo. 

Seguindo este método vimos como sería unha clase de comprensión oral non intervencionista. Destacaría o número de veces que se repetiría a escoita, que me parece excesivo e que aburriría ao alumnado, sobre todo a aquel que o comprendese case todo as primeiras veces. Neste tipo de clase, aparece o que antes puxen en dúbida, o traballo en parella no que as persoas teñen que comparar o que escoitan, polo en común, comprobalo e decidir. Véndoo así, paréceme algo máis lóxico, pero xa que sempre se fala da heteroxeneidade á hora do traballo colaborativo, volvo comentar a desconfianza ante a actitude dese alumnado máis avanzado. Tamén pode ser o caso contrario, que o alumnado con máis dificultades, ao non comprender nada nas primeiras escoitas se desmotive e deixe de colaborar e prestar atención. Finalmente, resaltar a conexión co tema anterior, xa que este é outra vez un exemplo de proceso e non de produto. Neste caso tamén se considera importante dotar ao alumnado de estratexias para axudarlle a mellorar a comprensión oral.

En relación tamén con isto, está o enfoque diagnóstico, no que a finalidade da actividade é que o profesor sexa quen de detectar e entender os problemas do alumnado, darlles feedback e, á vez, saber que estratexias son as que máis debe traballar co seu alumnado. En resumo, o máis importante é unha vez máis, deixar de lado a idea dun produto perfecto e, centrarse en ensinarlle ao alumnado a aprender e despois xa se verán os resultados.

Como último apunte, falando desde a experiencia propia, creo que  como máis aprendín realmente inglés oral (tanto comprensión como expresión) foi vendo series e películas en versión orixinal. Todo comezou cando tiña 16 anos e na televisión botaron unha serie que me gustou moito pero que deixaron de emitir. Polo tanto, como a quería ver, tívena que buscar en internet e non estaba dobrada polo que a vin en versión orixinal e case sen subtítulos. Ao principio supoño que non entendería nada, pero en nada mellorei moito e dende entón a materia de inglés foi moi fácil para min. O que quero dicir con isto, é que como docente me gustaría ser quen de motivar ao meu alumnado a facer iso: buscar algo que realmente lle guste e motive a ver unha serie ou película en versión orixinal. Tamén opino que se podería crear un cineclub ou algo así ao igual que había un club de lectura no meu instituto.

Isto é todo a falta das presentación das miñas compañeiras que comentarei noutra entrada. 

Até a próxima,

Laura

Tema 7: O ensino da expresión escrita



Como ben indica o nome da entrada no blog, hoxe comentarei o tema 7 visto entre a primeira e a segunda sesión con Gonzalo.

Fotocopia primeira sesión

Con respecto á fotocopia coa que traballamos na primeira sesión, resaltaría a distinción feita entre o proceso e o produto cando se trata de escritura. Para min, o concepto do proceso como algo a ter en conta e valorado polo docente é algo novo. Na miña etapa como estudante da E.S.O. e do Bacharelato, tanto na clase de lingua estranxeira como na de lingua galega, castelá ou calquera outra na que se requirise redactar un texto, todo o que se tivo sempre en conta foi o resultado final: o produto. Como ben se explica na fotocopia, agora xa no caso concreto da clase de inglés, á hora de facer redaccións para entregar ou ben no exame, todo o que se tiña en conta era o resultado final: se era gramaticalmente correcto e coherente e ese era o criterio para decidir se o traballo estaba aprobado ou suspenso. Ademais, a redacción destes textos levábanse a cabo fora da aula seguindo, na maioría de casos, un modelo presente no libro de texto e con poucas máis indicacións por parte do docente a non ser o número de palabras. 

No caso do proceso, é un concepto co que me atopei no ensino universitario, no que si se fixo máis fincapé en técnicas como o brainstorming ou os drafts. Considero que estas pódense considerar como técnicas para o subdesenvolvemento das destrezas da escritura, outro apartado presente na fotocopia. Nunca antes parara a pensar que detrás da expresión escrita hai tanto traballo e preparación e, sen embargo, é deste tipo de cousas que unha vez descubertas son tan lóxicas que é difícil entender como antes non o sabíamos.

Pola outra banda, nunca levei a cabo unha tarefa de escritura colaborativa polo que isto é o que máis me chamou a atención.  Paréceme un proceso interesante xa que son da opinión de que dúas (ou máis) cabezas sempre pensan mellor ca unha. Ademais, considero que na maioría dos casos somos incapaces de ver os erros nos nosos textos e que outra persoa é moito máis obxectiva e quen de facelo. 

Presentación PowerPoint: Tema 7

No caso da presentación que nos proporcionou Gonzalo tamén na primeira sesión máis que non vimos en clase, limitareime a comentar o que máis me chamou a atención para non repetirme.
Unha das cousas que me gustaría comentar é a proposta sobre a escritura creativa. En concreto, cando se fala dos problemas que pode presentar síntome identificada xa que me considero unha persoa con pouca imaxinación á que lle costa ter ideas de feito espontáneo. Polo tanto, para min esas actividades sempre me producen, como mínimo, angustia cando son presentades e tendo a bloquearme. Con isto, quero resaltar que penso que sempre hai que coñecer ben ao noso alumnado para ser quen de adaptarnos as súas características e solucionar situacións como estas.

Por outra banda, fálase da importancia de crear hábitos de escrita o que me parece moi difícil. Sen embargo, penso que ao mellor a min parécemo xa que comigo penso que non se fixo ben. Na miña experiencia, e botando a vista cara atrás, considero que é imprescindible que o docente este disposto a ofrecer canta axuda sexa necesaria ao seu alumnado, así como ser moi claro na enunciación das actividades xa que opino que moitas veces o problema é que se deixa ao alumnado un pouco á “deriva” sen a suficiente información para levar a cabo a actividade. Dentro deste apartado, tamén me parece destacable a idea de pedir ao alumnado que escriban algo a partir dunha música, imaxe, filme, etc. xa que é algo que me parece innovador e motívante.

Por último, gustaríame destacar outra vez, o importante que me parece a figura do docente como fonte de motivación, recursos e feedback e non só como a persoa que manda unha activade que cualificara cunha nota numérica sen preocuparse por nada máis que a corrección gramatical.

Presentacións

Na segunda sesión, tres compañeiras expuxeron as súas presentacións sobre artigos relacionados coa expresión escrita. Como no apartado anterior, falarei do que me pareceu interesante en lugar de resumir algo que xa todos vimos.

A primeira presentación foi a de Alejandra sobre o uso de Facebook como unha ferramenta de escritura colaborativa. Neste artigo atópamos outra vez a escritura colaborativa como método para a mellor da escrita e introdúcese o concepto de co-avaliación entre iguais que como xa mencionei antes paréceme algo bo porque así, vendo os fallos dos demais, melloramos nos tamén. Ademais, destacar que igual Facebook como ferramenta non é a máis axeitada e que sería mellor o uso. por exemplo, de Edmodo. 

A seguinte presentación foi a de Aida sobre o método Do it wrong!. Pareceume unha proposta moi innovadora e diferente que sería unha ferramenta perfecta para dinamizar unha clase. Pola contra considero que é algo que se debería usar de xeito esporádico xa que hai que ter os conceptos moi ben fixados para que non cree confusión no alumnado. Como gran vantaxe destacaría o comentado sobre a erradicación do medo a errar que é o que produce na maioría dos casos que o alumnado teña medo a expresarse na lingua meta o cal é unha gran traba na aprendizaxe de linguas xa que impide avanzar.

Por último, a presentación de Cristina sobre o feedback. Con está presentación aprendín moita terminoloxía sobre o feedback que descoñecía, sobre todo os distintos tipos (ex. Directivo, facilitativo, local, global, etc.) e a importancia de empregalos de forma axeitada segundo o caso. Tamén me parece digno de mención o feito de que cando se lle proporciona ao alumnado feedback acompañando a nota numérica, tende a ser ignorado. A verdade é que na miña experiencia cumpriuse. O último punto sobre esta presentación a ter en conta, sobre todo como futuras docentes que aspiramos a ser, é o feito de adecuar o feedback ás características de cada alumno para así corrixilo sen desmotivalo.

En resumo, neste tema descubrín novos conceptos e métodos pero tamén se fixeron obvias certas cousas que espero me sirvan moito como futura docente.

Un saúdo,

Laura

xoves, 11 de decembro de 2014

Análise da programación



Boas a tod@s!


Nesta entrada, a derradeira da parte da materia de Carlos, vou falar sobre a programación que analizamos Alejandra Alonso, Isabel Fernández e máis eu. Fixemos unha posta en común das nosas impresións, e iso será o que comente aquí xunto con algúns aspectos que me chamaron a atención especialmente a min. Botádelle tamén unha ollada as súas entradas sobre a programación para ter unha idea máis completa.

En primeiro lugar aquí está o enlace á programación de inglés do I.E.S. Sanxenxo do curso 2013-2014 e, tamén, poño un enlace ao prezi que CristinaFernández fixo sobre a estrutura das programacións. Así tedes a referencia da programación onde consultar o dito e tamén a presentación de Cris na que está moi ben explicado todo o referente á programación en xeral.

Programación xeral de inglés


Contexto e Xustificación

Esta programación é da materia de inglés e está dividida entre a programación xeral e a programación por cursos. Analizando primeiro a programación xeral da materia destaca que non hai un apartado de contexto nin de xustificación. O primeiro apartado é o de Competencias básicas que, se ben se pode considerar como unha especie de xustificación, non contén todo o necesario para ser considerada como tal (ex. especificacións do centro).  

Obxectivos
O seguinte apartado, que sería o dos obxectivos, si que aparece baixo o enunciado de Obxectivos xerais da área de inglés na E.S.O. e está ben feito ao estar redactado en infinitivo. Sen embargo, os obxectivos volven aparecer dentro do apartado posterior de Criterios de avaliación dando mostras da desorganización que caracteriza a toda a programación.

Metodoloxía

O apartado de Metodoloxía está ben en canto a forma e, xa centrándonos no contido, pareceume ben que se impoña que as clases deben ser en inglés, que o traballo será en parellas ou grupos e que se debe fomentar a autonomía. O seguinte apartado debería ser o dos Contidos, sen embargo nesta programación enmárcanse dentro dos Instrumentos de avaliación e preséntanse dun xeito moi sinxelo facendo só referencia aos catro bloques brevemente. Polo tanto, os contidos deberían ter un apartado propio e estar máis desenvolvidos. 

Nesta programación, a continuación do apartado de Metodoloxía, introdúcense 3 apartados: o apartado 4. Plan de mellora da competencia lingüística, o apartado 5. Plan lector e, o apartado 6. Actividades complementarias e extraescolares. Se ben é verdade que coincidimos en sinalar que nos parecen puntos interesantes e relevantes que non vimos na programación ideal que nos presentaron, pareceunos que estes tres puntos non deberían estar no medio da programación, senón estar cara ao final da programación como un complemento á estrutura básica da programación. 

Avaliación e Atención á diversidade

O seguinte punto desta programación é Instrumentos de avaliación nos que tamén se inclúen os Criterios de programación e a Actuación prevista para o alumnos coa materia pendente. Neste apartado, tamén nos centramos algo máis no contido e, pareceunos que están moi claros os criterios de avaliación (como por exemplo especifícase que de deixar en branco un apartado non se contará o exame) así como que son bos xa que se leva a cabo unha avaliación inicial, formativa e sumativa e, dáselle ao speaking o 20% da nota (que pode parecer pouco, pero tendo en conta que na nosa etapa educativa non tiña peso algún... ). Nesta programación non existe o apartado de Calificación como tal xa que se inclúe neste de Instrumentos de Avaliación. Por último, na programación xeral, aparece o apartado de Atención á diversiade.

Como último apuntamento sobre a programación xeral dicir que se ben se menciona do uso das TIC ou de dicionarios, non hai unha lista de recursos específicos aos que se poida ter acceso.

Programación por cursos


Nesta segunda parte da programación detállanse os Contidos, Secuenciación, Criterios de avaliación e Materiais recomendados específicos para cada curso da E.S.O. Ao igual que na programación xeral tampouco hai contexto nin xustificación. En canto aos contidos, faise outra vez  referencia aos contidos mínimos e á súa división en 4 bloques pero espcificando os de cada curso. 

Unidades didácticas
A continuación aparece o apartado de Secuenciación de Obxectivos e Contidos que viría a ser o que entendemos por unidade didáctica. Neste caso, os apartados que se desenvolven son os de Obxectivos, Contidos, Temas transversais, Competencias básicas e Avaliación. Como se pode ver, nesta lista faltan apartados tan importantes como o Contexto e a Secuenciación (tamén ausentes na programación xeral), a Metodoloxía (aínda que ao aparecer na programación xeral podería entenderse) e, a Secuenciación das tarefas ou actividades e as actividades en si das que se comporía cada unidade didáctica. Ademais, os apartados que aparecen non están correctamente feitos: tal é o caso da Avaliación na que só cita a páxina e o número de exercicio correspondente no libro o que parece moi pouco elaborado. Destaca que, mentres que o resto da programación está redactada en galego, o apartado de Secuenciación está redactado en castelán. Isto fai que pareza que se fixo un copia-pega que non transmite para nada boa impresión.

Conclusión


Polo tanto como conclusión global, pensamos que se ben a programación está ben en aspectos relacionados tanto coa forma como co contido, é tal a desorganización e desleixo que a impresión global non é para nada satisfactoria.

Espero que vos pareza interesante e que comparedes esta programación coas que analizastes vos para ver se hai fallos en común ou se, pola contra, son moi diferentes.

Ata pronto!

sábado, 6 de decembro de 2014

Derradeira clase.



Hello!
Ben, esta é a última entrada resumo sobre as clases en si xa que esta semana foi a nosa derradeira clase con Carlos. A clase foi máis curta do habitual, so unha hora e media, na que vimos rápido-depresa-correndo o tema da avaliación. 

Máis que facer un resumo do prezi, anímovos a que lle botedes unha ollada no prezi.

Como reflexión sobre a avaliación dicir que no futuro, cando sexa profesora, gustaríame e intentarei que o sistema de avaliación que empregue sexa: válido, fiable e realizable. Desgustaríame moito verme convertida nun docente que solo se fixa nun exame final que non cumpre cos criterios anteriores. Porque se realmente se é bo profesor, a par que se prepara ao alumnado, que se lle aprende os contidos apropiados tamén se debe levar a cabo unha avaliación que se corresponda.



Outros pequenos detalles sobre avaliavión que me parecen dignos de mención son: a co-avaliación e subxectividade. A co-avaliación pareceume moi interesante dende a primeira clase na que Carlos a mencionou en relación aos blogs: aínda que vexo moi complicado aplícalo nunha clase de educación secundaria ou bacharelato, paréceme unha proposta interesante e que merecería a pena intentalo. Outro aspecto interesante da avaliación foi o feito de que é moi difícil que o proceso de avaliación sexa plenamente obxectivo, sempre vai ter un punto de subxectividade aínda que non sexa a nosa intención. Por isto, penso que debemos levar a avaliación con moito rigor e non deixándonos influenciar por factores que poidan facela demasiado subxectiva.

Un saúdo,

Laura