Esta entrada é xa a derradeira e está centrada no tema 12 sobre motivación, aptitude e multicompetencia.
Primeiro, farei un pequeno repaso aos puntos máis destacados para min da
presentación de Gonzalo e despois falarei das presentacións das miñas
compañeiras.
Presentación Gonzalo
Da presentación de Gonzalo destacaría por suposto a motivación xa que é algo do que falamos no módulo común do
mestrado no que se recalcou a súa complexidade e importancia. Pareceume
interesante a parte sobre a motivación intrínseca
que pode proporcionar o profesor a través das tarefas e a parte na que se fala
da importancia de que o profesor coñeza ben ao alumnado: os seus gustos, metas,
etc. para poder ser quen de proporcionala.
En cando á motivación extrínseca
resultoume menos atractiva xa que as notas, exames, exercicios, etc. non me
parecen a mellor maneira de motivar.
En canto ao resto da presentación, chamoume a atención o concepto de aptitude e a súa multidimensionalidade
o que debe influír no docente tamén. E finalmente os conceptos de bilingüísmo e falante “nativo” que como vimos ao longo de todo o mestrado e como
estudantes de linguas e futuros docentes son algo moi interesante que merece a
nosa atención.
Presentacións
Sobre este tema trata a presentación de Elisa, mentres que as de Adriana e
Violeta centranse na avaliación. A continuación comentareinas.
Comezo coa presentación de Elisa
sobre a multicompetencia. Teño que
dicir que me gustou e que concordo con moitos aspectos. Paréceme moi lóxico que
se recoñeza o maior coñecemento dun falante de varias linguas fronte a un
monolingue. Ademais, o feito de que non se propoña ao falante nativo como o
obxectivo final da aprendizaxe dunha L2 paréceme moi beneficiosa xa que se
resta presión ao alumnado que non ten que aspirar a tal “perfección”. Por outra
banda, sorpréndeme que se resalte a utilidade do uso da L1 na adquisición da L2
cando ultimamente se fala do uso exclusivo da lingua meta. En relación a este
punto tamén me parece interesante que se presente ao falante nativo como un
docente non ideal xa que non comprendería os proceso de aprendizaxe do alumnado
ao non compartir a L1. Por último, estou de acordo na necesidade de reformular
os libros de texto para a adquisición dunha L2 e facelos máis dinámicos e
útiles.
No caso da presentación de Adriana,
trata das probas de nivel e a súa validez e fiabilidade. Non teño moito que comentar máis alá de que me parece
que é difícil realizar unha proba de nivel nun tempo limitado e que demostre
realmente os coñecementos dunha persoa.
Finalmente, en canto á presentación
de Violeta tamén trata sobre a avaliación.
De toda esta extensa presentación non vou mencionar moito porque creo que
Violeta puxo moita información e non precisa moita explicación. O que me
gustaría comentar e o dito sobre os exames orais xa que coincido en que son,
con diferenza, os máis estresantes e estou de acordo en que hai que intentar
como examinadores facer o proceso o máis agradable posible. En canto ao demais,
destacaría a parte na que se fala de que á hora de deseñar as probas de
avaliación é importante pensar o que se quere medir e a partir diso elaborar
unha proba que o mida porque é ben certo que ás veces o exame non avalía
realmente o que se pretendía nun primeiro momento.