luns, 9 de febreiro de 2015

Tema 12: Motivación, Aptitude e Multicompetencia



Esta entrada é xa a derradeira e está centrada no tema 12 sobre motivación, aptitude e multicompetencia. Primeiro, farei un pequeno repaso aos puntos máis destacados para min da presentación de Gonzalo e despois falarei das presentacións das miñas compañeiras.

Presentación Gonzalo

Da presentación de Gonzalo destacaría por suposto a motivación xa que é algo do que falamos no módulo común do mestrado no que se recalcou a súa complexidade e importancia. Pareceume interesante a parte sobre a motivación intrínseca que pode proporcionar o profesor a través das tarefas e a parte na que se fala da importancia de que o profesor coñeza ben ao alumnado: os seus gustos, metas, etc. para poder ser quen de proporcionala.  En cando á motivación extrínseca resultoume menos atractiva xa que as notas, exames, exercicios, etc. non me parecen a mellor maneira de motivar.
En canto ao resto da presentación, chamoume a atención o concepto de aptitude e a súa multidimensionalidade o que debe influír no docente tamén. E finalmente os conceptos de bilingüísmo e falante “nativo” que como vimos ao longo de todo o mestrado e como estudantes de linguas e futuros docentes son algo moi interesante que merece a nosa atención.

Presentacións

Sobre este tema trata a presentación de Elisa, mentres que as de Adriana e Violeta centranse na avaliación. A continuación comentareinas.

Comezo coa presentación de Elisa sobre a multicompetencia. Teño que dicir que me gustou e que concordo con moitos aspectos. Paréceme moi lóxico que se recoñeza o maior coñecemento dun falante de varias linguas fronte a un monolingue. Ademais, o feito de que non se propoña ao falante nativo como o obxectivo final da aprendizaxe dunha L2 paréceme moi beneficiosa xa que se resta presión ao alumnado que non ten que aspirar a tal “perfección”. Por outra banda, sorpréndeme que se resalte a utilidade do uso da L1 na adquisición da L2 cando ultimamente se fala do uso exclusivo da lingua meta. En relación a este punto tamén me parece interesante que se presente ao falante nativo como un docente non ideal xa que non comprendería os proceso de aprendizaxe do alumnado ao non compartir a L1. Por último, estou de acordo na necesidade de reformular os libros de texto para a adquisición dunha L2 e facelos máis dinámicos e útiles.

No caso da presentación de Adriana, trata das probas de nivel e a súa validez e fiabilidade. Non teño moito que comentar máis alá de que me parece que é difícil realizar unha proba de nivel nun tempo limitado e que demostre realmente os coñecementos dunha persoa. 

Finalmente, en canto á presentación de Violeta tamén trata sobre a avaliación. De toda esta extensa presentación non vou mencionar moito porque creo que Violeta puxo moita información e non precisa moita explicación. O que me gustaría comentar e o dito sobre os exames orais xa que coincido en que son, con diferenza, os máis estresantes e estou de acordo en que hai que intentar como examinadores facer o proceso o máis agradable posible. En canto ao demais, destacaría a parte na que se fala de que á hora de deseñar as probas de avaliación é importante pensar o que se quere medir e a partir diso elaborar unha proba que o mida porque é ben certo que ás veces o exame non avalía realmente o que se pretendía nun primeiro momento.



Tema 11: Programas Europeos Internacionais



Nesta penúltima entrada falarei do tema 11 sobre programas europeos internacionais e as presentacións respectivas das miñas compañeiras Sabela e Marta.

Programas Europeos Internacionais: Erasmus +

Os documentos que Gonzalo nos facilitou sobre este tema foron as bases do programa e a estrutura do Erasmus +. Sobre a cantidade de información que aparece nestes documentos, destacaría como non que están dirixidos a promover a educación e formación. No caso da formación, chamoume a atención como se presentan como unha oportunidade de cubrir lagoas (tanto de habilidades como de competencias) que moita xente ten e que dificulta a empleabilidade en especial a xuvenil.

Como non, o feito de ser programas internacionais fai que favorezan a mobilidade como algo primordial algo que comparto. Penso que este tipo de programas son moi enriquecedores dende moitas perspectivas e o feito de ser internacionais aporta  a multiculturalidade e plurilingüismo.

No que a min respecta dende agora, como futura docente, destacaría os proxectos de mobilidade para o persoal (alén dos destinados ao estudantado). Paréceme moi interesante a variedade de opcións que se presentan: dende formación a simple observación do traballo de outros. Ademais, algo que tamén respecta aos docentes, sería a asociación estratéxica entre institucións algo que no caso dun profesor de linguas é moi interesante xa que alén da colaboración permitiría pór en uso a lingua meta dun xeito real e verdadeiro.

En resumo, considero que estes programas son fundamentais na formación e na situación actual en Europa e que se debe seguir por este camiño xa que fomentan tódolos ideais e valores dunha Europa realmente unida.

Presentacións

Na presentación de Sabela falouse dun proxecto europeo financiado pola Unión Europea polo que puidemos ver un exemplo real deste tipo de proxectos. Pareceume interesante porque usouse un enfoque didáctico moderno no que se promovía a motivación do estudante: aprender linguas con medios modernos como son as cancións. Empregando a canción como centro do proxecto fomentáronse moitas competencias como as dixitais e aprender a aprender. Ademais promoveuse o traballo en grupos e autónomo co profesor só intervindo en ocasións limitadas. Para rematar, destacaría o feito de que o resultado final se compartise con xente de Europa xa que así o alumnado ve recompensado o seu traballo co recoñecemento de outra xente.

No caso da presentación de Marta, falouse do programa europeo eTwinning máis ca dun exemplo concreto. Deste programa gustoume o feito de que se trate de proxectos de colaboración entre centros de diferentes países europeos a través de internet. Deste xeito potenciase o uso das tecnoloxías así como o uso da lingua estranxeira que se emprega nun contexto real. Ademais, ao ser por internet non importan as barreiras físicas e a colaboración pódese realizar con moita flexibilidade.

martes, 3 de febreiro de 2015

A miña presentación

Como parte do tema 9 sobre o ensino da expresión oral realicei a miña presentación.

Na ligazón e pódedes atopa-la presentación da que pouco máis teño que engadir. Soamente podo volver facer fincapé en que ofrece unha gran variedade de opcións para realizar actividades de expresión oral na aula que me parecen moi útiles. Ademais, unha das cousas máis destacadas no debate posterior foi o tema do feedback e a correción neste tipo de activides. Deixovos aquí a ligazón ao PDF da presentación para que lle botedes unha ollada se estades interesados.