luns, 9 de febreiro de 2015

Tema 12: Motivación, Aptitude e Multicompetencia



Esta entrada é xa a derradeira e está centrada no tema 12 sobre motivación, aptitude e multicompetencia. Primeiro, farei un pequeno repaso aos puntos máis destacados para min da presentación de Gonzalo e despois falarei das presentacións das miñas compañeiras.

Presentación Gonzalo

Da presentación de Gonzalo destacaría por suposto a motivación xa que é algo do que falamos no módulo común do mestrado no que se recalcou a súa complexidade e importancia. Pareceume interesante a parte sobre a motivación intrínseca que pode proporcionar o profesor a través das tarefas e a parte na que se fala da importancia de que o profesor coñeza ben ao alumnado: os seus gustos, metas, etc. para poder ser quen de proporcionala.  En cando á motivación extrínseca resultoume menos atractiva xa que as notas, exames, exercicios, etc. non me parecen a mellor maneira de motivar.
En canto ao resto da presentación, chamoume a atención o concepto de aptitude e a súa multidimensionalidade o que debe influír no docente tamén. E finalmente os conceptos de bilingüísmo e falante “nativo” que como vimos ao longo de todo o mestrado e como estudantes de linguas e futuros docentes son algo moi interesante que merece a nosa atención.

Presentacións

Sobre este tema trata a presentación de Elisa, mentres que as de Adriana e Violeta centranse na avaliación. A continuación comentareinas.

Comezo coa presentación de Elisa sobre a multicompetencia. Teño que dicir que me gustou e que concordo con moitos aspectos. Paréceme moi lóxico que se recoñeza o maior coñecemento dun falante de varias linguas fronte a un monolingue. Ademais, o feito de que non se propoña ao falante nativo como o obxectivo final da aprendizaxe dunha L2 paréceme moi beneficiosa xa que se resta presión ao alumnado que non ten que aspirar a tal “perfección”. Por outra banda, sorpréndeme que se resalte a utilidade do uso da L1 na adquisición da L2 cando ultimamente se fala do uso exclusivo da lingua meta. En relación a este punto tamén me parece interesante que se presente ao falante nativo como un docente non ideal xa que non comprendería os proceso de aprendizaxe do alumnado ao non compartir a L1. Por último, estou de acordo na necesidade de reformular os libros de texto para a adquisición dunha L2 e facelos máis dinámicos e útiles.

No caso da presentación de Adriana, trata das probas de nivel e a súa validez e fiabilidade. Non teño moito que comentar máis alá de que me parece que é difícil realizar unha proba de nivel nun tempo limitado e que demostre realmente os coñecementos dunha persoa. 

Finalmente, en canto á presentación de Violeta tamén trata sobre a avaliación. De toda esta extensa presentación non vou mencionar moito porque creo que Violeta puxo moita información e non precisa moita explicación. O que me gustaría comentar e o dito sobre os exames orais xa que coincido en que son, con diferenza, os máis estresantes e estou de acordo en que hai que intentar como examinadores facer o proceso o máis agradable posible. En canto ao demais, destacaría a parte na que se fala de que á hora de deseñar as probas de avaliación é importante pensar o que se quere medir e a partir diso elaborar unha proba que o mida porque é ben certo que ás veces o exame non avalía realmente o que se pretendía nun primeiro momento.



Ningún comentario:

Publicar un comentario