Boas de novo,
Nesta
breve entrada, destacarei o que me pareceu máis interesante das tres
presentacións correspondentes ao tema 8 sobre a destreza da comprensión oral
que fixeron as miñas compañeiras Isabel, Eva e Ana.
En
canto ao artigo de Isabel (Listening in a
Multicultural World), destacaría a idea da comunicación plurilingüe propia
de hoxe en día xa que hai anos, xente como a miña bisavoa criouse só co galego
e esporadicamente o castelán. Ademais, aínda que xa supuña que había
certas barreiras á hora de comprender unha lingua estranxeira oralmente,
sorprendeume que tamén nesta destreza inflúa o dominio afectivo co medo a
correr riscos ou a sufrir un cambio de identidade. En relación con este dominio,
paréceme importantísimo o resilience, saber
controlar o estres producido por estas situacións, xa que se non non poderíamos
manter unha conversación ao non ser quen de comprender o que din polo noso
estado de nerviosismo. Por último, recordar que a nosa natureza xa nos
dificulta a aprendizaxe doutra lingua polo feito de que o período no que temos
esa capacidade é cando somos moi pequenos mais, aínda así, creo que é posible
superar tódolos obstáculos que se presentan neste artigo.
Na
presentación de Eva (Empowering the Students through Listening Diaries to
Motivate them to Improve their Listening Skills)
volvémonos atopar co feito de que a comprensión oral ocupa máis do 50% da
interacción e polo tanto é moi importante. A actividade presentada neste
artigo, con certas modificacións como xa debatemos na clase, paréceme unha
actividade moi interesante e cun gran potencial de motivación para o alumnado
polo que non dubidaría en pola en práctica no futuro. Ademais, introducíronse
as estratexias metacognitivas para facilitar a autosupervisión e a
autoavaliación. Como vimos no tema 9, estas estratexias son moi importantes xa
que facilitan a labor do alumnado.
A
derradeira presentación deste tema foi a de Ana sobre a Influencia das estratexias metacogitivas no listening na que se exploran máis profundamente estas
estratexias que representarían o que tantas veces nos repetiron neste mestrado:
hai que ensinarlle ao alumnado a aprender a aprender. Neste caso, recalcaría a
recomendación de que sempre hai que presentar estás estratexias aplicadas nun
contexto para que o alumnado poida ver como funcionan así como, ser quen como
docente de facerlle darse conta ao alumnado das estratexias que xa usan por
eles mesmos para que comprendan o beneficiosas que poden chegar a ser. Ademais,
coincidimos toda a clase co dito no artigo sobre que canto antes se lles
presenten ao alumnado estas estratexias mellor. Non se pode esperar a que o
alumnado sexa bastante maior por medo a que non entendan de que lles estamos a
falar senón que, hai que buscar o xeito de explicarllo de maneira sinxela para
adaptalo a idades máis temperás.
En
resumo, estas tres presentacións reforzaron o visto na parte teórica deste tema
8 así como presentaron novas ideas e propostas sobre e para a destreza da
comprensión oral.
Deica logo!
Ningún comentario:
Publicar un comentario