mércores, 28 de xaneiro de 2015

Tema 10: O traballo a través de proxectos



Boas de novo,

Esta entrada está dedicada ao tema 10 que trata sobre o traballo a través de proxectos. Primeiro destacarei o que me pareceu máis interesante sobre a presentación feita por Gonzalo sobre o tema e, despois, comentarei as presentacións das miñas compañeiras sobre o tema.

Presentación PowerPoint: Tema 10

En primeiro lugar gustaríame deixar claro que nunca durante a miña educación levei a cabo ningún tipo de traballo a través de proxecto e, polo tanto, o que vou comentar agora é todo froito da presentación feita por Gonzalo. Algo que me parece moi importante sobre este método é o feito de que o alumnado sexa quen planifica, desenvolve e, incluso, avalía. Paréceme que isto supón unha gran oportunidade para desenvolver, entre outras moitas cousas, a independencia e iniciativa propia. Ademais, o feito de que o resultado final teña unha aplicación no mundo real máis alá da aula paréceme algo moi motívante para o alumnado.

Nada máis comezar a presentación, Gonzalo fixo a distinción entre traballo a través de proxectos e o traballo por tarefas. Penso que é importante esta distinción porque eu non a tiña ben clara: mentres que as tarefas adoitan ser un pequeno traballo individual ou en parellas, o traballo a través de proxectos involucra a un grupo de persoas máis grande e leva moito máis tempo ca as tarefas. Outra cousa a resaltar é a estratexia educativa holística, o que quere dicir que o traballo a través de proxectos engloba múltiples destrezas máis alá do estritamente educativo como poden ser as relacións persoais.

Entre os beneficios dos que se fala na presentación, destacaría a gran motivación que supoñen estes traballos, o feito de que tódalas tarefas se fagan en lingua auténtica e que se promova a aprendizaxe autónoma (algo que repercutirá nos futuros estudos e carreira do alumnado). Ademais, todo o que supón levar a cabo un traballo en grupo (partillar ideas, expresar opinións, negociar solucións, etc.) é algo moi útil no mundo no que vivimos no que cada vez máis este tipo de traballo colaborativo se impón con máis forza.

En canto as reticencias mostradas por algúns docentes á hora de levar a cabo este tipo de traballos, Gonzalo manifestou que estes pódense introducir perfectamente dentro dun curso da E.S.O. ou Bacharelato. O único que fai falla é que os seus obxectivos teñan que ver co proxecto educativo e o currículo. Polo tanto, non hai escusa posible para non levalos a cabo.

Con respecto a todo o proceso, destacaría a fase final e, dentro dela, a parte da difusión. Paréceme moi interesante que o produto final do traballo vaia ser visto ou avaliado por xente que entende do tema. Como xa dixen antes, isto é algo que ten que ser moi motivante e un gran estímulo para o alumnado á hora de levar a cabo o traballo.

Presentacións

Agora vou destacar o que máis me chamou a atención das presentacións das miñas compañeiras Laura Ferro, Andrea e Nadia.

No caso da presentación de Laura, pareceume moi interesante levar a cabo algo tan realista como gravar un programa de radio. Ademais, o feito de que se teñan que usar tres linguas (castelán, inglés e francés) xunto coas novas tecnoloxías para montar o programa fai que o proxecto sexa moi completo. Ao igual que se dixo na presentación de Gonzalo, esta actividade precisa de moita autonomía e iniciativa por parte do alumnado. Estou de acordo co dito por Laura sobre o que dixo sobre o desenvolvemento da actividade: a min tamén me parece que o tempo era demasiado xusto en certos puntos. Aínda que, como Gonzalo comentou a posteriori, este era un proxecto sobre o papel que aínda non se levara a cabo. Pareceume lóxico a rotación de roles en case tódalas partes do proxecto para que así todos poidan experimentar e adquirir tódolos coñecementos.

En canto á presentación de Andrea, destacaría o gran uso das novas tecnoloxías ao consistir o proxecto na creación dunha páxina web. A verdade é que o proxecto exposto seguía o modelo presentado por Gonzalo e pouco máis teño que engadir. Só dicir que ao usar tanto a tecnoloxía serviría para mellorar o uso desta pero que, como dixo Andrea, o proxecto era demasiado ambicioso para ten pouco tempo e que, o feedback na última semana co proxecto xa rematado non era de moita utilidade.

Por último, a presentación de Nadia centrábase na autoavaliación do alumnado no traballo por proxectos. Pareceume destacable os beneficios da autoavaliación no propio alumnado xa que mellora a motivación, aumenta o sentido da responsabilidade e axuda a aliviar a presión para os alumnos con respecto á presentacións.  Como no caso do artigo de Andrea, vólvese mencionar en que consisten os traballos por proxectos e as súas múltiples vantaxes. Entre elas atopase o traballo en equipo que, como Nadia resaltou, é moi importante xa que prepara ao alumnado para o mundo real xa que nas empresas hoxe en día é o que se estila.

Isto é todo con respecto ao tema 10. Até a próxima,

Laura

Ningún comentario:

Publicar un comentario