Nesta entrada falarei do tema 9 que
trata sobre a expresión oral. Primeiro comentarei as fotocopias sobre a
expresión oral e as subdestrezas. Despois destacarei o que me pareceu máis
interesante sobre o presentación de powerpoint e, finalmente, falarei das dúas
presentacións feitas sobre o tema por parte das miñas compañeiras. A terceira
presentación, que será a miña, subireina aquí mesmo e a Edmodo unha vez a faga.
Fotocopias
Comezamos este tema 9 cunha
pequena actividade na que por parellas tiñamos que debater tendo cada un unha
tarxeta coa nosa opinión. Sen embargo, a actividade tiña truco xa que ao ser as
tarxetas iguais non había conflito a partir do cal levar a cabo unha conversa.
Isto pareceume unha forma moi orixinal de facernos darnos conta da necesidade dun
conflito neste tipo de actividades. Ademais, como warm-up tamén fixemos un brainstorming
no que conseguimos xuntar moitas propostas de actividades para practicar a
oralidade (representacións teatrais, xogos, cantar, etc.)
Centrándome xa nas fotocopias en
si, a primeira trataba sobre a “Expresión e interacción orais, e subdestrezas”.
O que máis interesante me pareceu foi o concepto de práctica controlada,
semicontrolada ou aberta e como o tipo desta inflúe no que se practica: a fluidez
oral ou a práctica da lingua oral. Tamén é destacable esta distinción entre
aprender os trazos típicos da lingua oral e practicalos (práctica da lingua
oral) e ser quen de falar dunha forma automatizada (fluidez oral).
A segunda fotocopia tiña por
título “Subdestrezas de expresión e interacción oral” e nela vimos 5
subdestrezas: pedimento de esclarecemento, cambio de quenda, marca
de transición ou límite, feedback
e reparación. Como ben apuntou algunha compañeira na clase, creo que
subdestrezas como o cambio de quenda ou a marca de transición ou
límite non son moi traballadas e, polo tanto, como futuras doncentes penso
que as deberíamos traballar todas por igual ao ser todas moi importantes na
interacción oral. Outra cousa moi importante é a comunicación non verbal da que
me gustaría destacar que supón o 80% do significado. A verdade é que este dato
impresionoume. En relación a isto, pareceume moi interesante a proposta de
actividade para que o alumnado vexa como é esta comunicación na lingua meta na
que se vería un video de nativos falando (ou incluso sen son).
Presentación PowerPoint: Tema 9
Neste caso a presentación e
bastante curta e só me gustaría destacar pequenos detalles. Primeiramente, a
distinción que no marco se fai de actividades de expresión oral en
contraste con actividades de interacción oral. Como é obvio, non é o
mesmo ter que producir linguaxe pero sen interactuar directamente a levar a
cabo unha conversa con outra persoa na que ademais de producir linguaxe hai que
levar a cabo a comprensión oral do dito pola outra persoa.
Dentro das diapositivas sobre as
dificultades e a compensación destas dificultades, sorprendeume a fosilización que
suporía que o falante dunha lingua estranxeira en lugar de seguir avanzando
cara a unha lingua máis “perfecta” se queda estancado e certos erros queden xa
como parte da maneira na que fala nesta lingua estranxeira. Pensándoo ben, isto
ten sentido e creo que a todos nos ocorreu algo así puntualmente ou sabemos de
alguén que o teña.
No apartado de “Que se precisa
para poder falar?” destacaría o vocabulario mínimo e o libro de frases. En especial
este último, porque paréceme que, polo menos no caso do inglés, os idioms ou collocations non son moi traballados e son algo fundamental dentro
do inglés.
Finalmente, a derradeira
diapositiva fala sobre “Como activar o coñecemento e destrezas?” no que se
mostra as fases segundo distintas teorías. A continuación falarei das
presentacións das miñas compañeiras Cristina e Alicia que tratan algún destes
aspectos.
Presentacións
A primeira presentación foi a de
Cristina sobre “Awareness Rising Activities”
ou, en galego, “Toma de conciencia das dificultades de base”. Entre os 5
métodos presentados, destacaría o uso de series ou películas, en lugar
de reality shows porque son demasiado
espontáneos e teñen un alto grao de dificultade. Por outra banda, o traballo
en grupo en canto a oralidade permítelle ao alumnado darse conta dos erros
propios que poden ser corrixidos polos demais e, dos alleos que o alumnado verá
máis facilmente que os propios. Tamén me pareceu moi destacable a aprendizaxe
por parte do alumnado dos speech acts
que non son máis que as formas nas que na lingua meta se realizan accións como
invitar, aceptar unha invitación, desculparse, etc. En canto aos métodos máis
innovadores, as escoitas en directo nas que o profesor se grava mentres
fala para despois poder recorrer á gravación cando sexa preciso, paréceme unha
idea axeitada porque así existe a posibilidade de preguntar e pódese apreciar
ese 80% da linguaxe que é non verbal. Finalmente, sobre o método da localización das lagoas
teño a dúbida de se que o alumno vexa o fallo inmediatamente vai supor que se
fixará ou non.
A outra presentación foi a de
Alicia sobre “Actividades para a apropiación”. Desta presentación destacaría o
control practicado no que está ben visto que se comentan erros como parte
do proceso de aprendizaxe dunha lingua estranxeira. Como xa comentamos con
anterioridade, hai que quitarlle esa mala fama a errar xa que é algo natural de
calquera proceso de aprendizaxe. Entre tódalas actividades ou tarefas propostas
nesta presentación destacaría as chamadas tarefas
comunicativas nas que se busca que o obxectivo da tarefa non este
intimamente ligado co uso da lingua e polo tanto o alumnado se poida distraer
desa obsesión do aprendiz de seguir as regras gramaticais e que moitas veces
impide a fluidez da lingua.
En resumo, este tema sobre a
expresión oral pareceume interesante e útil á vez xa que vin propostas moi
interesantes a aplicables a unha clase de inglés e aclarei certos conceptos ou
feitos sobre a aprendizaxe e adquisición desta destreza.
Ata a próxima,
Laura
Ningún comentario:
Publicar un comentario