Seguindo co ensino das destrezas
de comprensión, tócalle ao da compresión oral. A compresión oral é unha
destreza á que non se lle dedica moito tempo na aula pero, sen embargo,
comezamos este tema destacando que é a destreza máis usada na lingua nai. Como
se pode ver no PowePoint deste tema, esta destreza é a máis usada por unha
persoa tendo unha porcentaxe de case o 50%. Como dixen no resumo sobre o tema
7, este é outro deses pequenos detalles que cando os descubrimos nos parecen
obvio e que, sen embargo, nunca antes nos decataramos deles. En resumo, só con
estas pequenas reflexións sobre a comprensión oral decatámonos da súa
importancia e da necesidade de que o seu ensino dentro da clase de lingua
estranxeira sexa o máis efectivo e completo posible.
Para comezar, gustaríame
destacar, dentro do que vimos, os fallos máis grandes que lle atopo ao método
“actual” que considero que foi o que empregaron comigo. En primeiro lugar, como
comentei no parágrafo anterior, o tempo total dedicado á comprensión oral adoita
ser moi limitado e só se levaba a cabo cando aparece especificado no libro de
texto. Ademais, os audios do libro, como vimos na clase, tenden a ser bastante
artificiais. Na miña opinión, isto non axuda a que o alumnado adquira unhas
capacidades para desenvolverse en situacións reais que é, ou debería ser, o
obxectivo dunha clase de lingua estranxeira: que o alumno aprenda a comunicarse
na lingua meta.
En relación con isto, está o
problema dos exercicios que acompañan ao listening:
serven realmente estes exercicios para avaliar a comprensión oral? Por exemplo,
como ben se comenta na presentación, as respostas a estas preguntas non
aseguran que se entendese o texto ou, moitas veces a mala formulación das
preguntas fai que o alumnado erre cando realmente comprenderon o audio. Ademais,
a resposta correcta proporcionada a posteriori, non lles soluciona nada xa que
non infire na comprensión de futuros textos orais. Polo tanto, estou
completamente de acordo co dito na clase: este método non prepara ao alumnado para
a interacción no mundo real xa que neste tipo de actividades proporcionase unha
información antes e durante a escoita que en ningún caso se dará nunha
situación comunicativa real. Como punto favorable, podería destacar, o tipo de
actividades que consisten en completar grellas ou formularios con información
que se escoita, algo que si me parece máis realista e útil desde un punto de
vista da comunicación na lingua meta. Xa que logo, aínda que este sistema non
me parece completamente válido, tamén ten cousas que fan que non sexa
descartábel na súa totalidade.
Pasando ás posibles solucións que
se propuñan para solucionar a problemática do ensino ca comprensión oral,
gustaríame destacar algúns puntos que me chamaron a atención. En primeiro lugar,
como pequeno apunte, paréceme imprescindible o uso de mostras naturais de
lingua e non mostras prefabricadas e o emprego de actividades relevantes e
útiles. Sen embargo, o punto que máis quero destacar é o de: ensinar a escoitar. A razón é que desde
o comezo deste mestrado, inculcóusenos a mensaxe de que, máis que persoas
portadoras dun coñecemento a transmitir, debemos ser guías para o noso alumnado
e ensinarlles a aprender. Paréceme un
concepto moi interesante así como unha tarefa moi complexa. En relación con
isto, está o cambio de rol necesario do docente. O profesor debe deixar de ser
a fonte de información e deixarlle ao alumnado traballar por el mesmo. Ademais,
neste concepto, tamén se inclúe o traballo en grupo aínda que, no caso da
comprensión oral, non vexo porque o traballo en grupo sería algo beneficioso:
de que serve que unha persoa lle diga ao outro o que escoitou se o outro non o
fixo? Supoño que precisaría velo posto en práctica para comprobalo.
Seguindo este método vimos como
sería unha clase de comprensión oral non intervencionista. Destacaría o número
de veces que se repetiría a escoita, que me parece excesivo e que aburriría ao
alumnado, sobre todo a aquel que o comprendese case todo as primeiras veces.
Neste tipo de clase, aparece o que antes puxen en dúbida, o traballo en parella
no que as persoas teñen que comparar o que escoitan, polo en común, comprobalo
e decidir. Véndoo así, paréceme algo máis lóxico, pero xa que sempre se fala da
heteroxeneidade á hora do traballo colaborativo, volvo comentar a desconfianza
ante a actitude dese alumnado máis avanzado. Tamén pode ser o caso contrario,
que o alumnado con máis dificultades, ao non comprender nada nas primeiras
escoitas se desmotive e deixe de colaborar e prestar atención. Finalmente,
resaltar a conexión co tema anterior, xa que este é outra vez un exemplo de
proceso e non de produto. Neste caso tamén se considera importante dotar ao
alumnado de estratexias para axudarlle a mellorar a comprensión oral.
En relación tamén con isto, está
o enfoque diagnóstico, no que a finalidade da actividade é que o profesor sexa
quen de detectar e entender os problemas do alumnado, darlles feedback e, á vez, saber que estratexias
son as que máis debe traballar co seu alumnado. En resumo, o máis importante é
unha vez máis, deixar de lado a idea dun produto perfecto e, centrarse en
ensinarlle ao alumnado a aprender e despois xa se verán os resultados.
Como último apunte, falando desde
a experiencia propia, creo que como máis
aprendín realmente inglés oral (tanto comprensión como expresión) foi vendo
series e películas en versión orixinal. Todo comezou cando tiña 16 anos e na
televisión botaron unha serie que me gustou moito pero que deixaron de emitir.
Polo tanto, como a quería ver, tívena que buscar en internet e non estaba dobrada
polo que a vin en versión orixinal e case sen subtítulos. Ao principio supoño
que non entendería nada, pero en nada mellorei moito e dende entón a materia de
inglés foi moi fácil para min. O que quero dicir con isto, é que como docente
me gustaría ser quen de motivar ao meu alumnado a facer iso: buscar algo que
realmente lle guste e motive a ver unha serie ou película en versión orixinal.
Tamén opino que se podería crear un cineclub ou algo así ao igual que había un
club de lectura no meu instituto.
Isto é todo a falta das
presentación das miñas compañeiras que comentarei noutra entrada.
Até a próxima,
Laura
Ningún comentario:
Publicar un comentario