Como ben indica o nome da entrada
no blog, hoxe comentarei o tema 7 visto entre a primeira e a segunda sesión con
Gonzalo.
Fotocopia primeira sesión
Con respecto á fotocopia coa que
traballamos na primeira sesión, resaltaría a distinción feita entre o proceso e
o produto cando se trata de escritura. Para min, o concepto do proceso como
algo a ter en conta e valorado polo docente é algo novo. Na miña etapa como
estudante da E.S.O. e do Bacharelato, tanto na clase de lingua estranxeira como
na de lingua galega, castelá ou calquera outra na que se requirise redactar un
texto, todo o que se tivo sempre en conta foi o resultado final: o produto.
Como ben se explica na fotocopia, agora xa no caso concreto da clase de inglés,
á hora de facer redaccións para entregar ou ben no exame, todo o que se tiña en
conta era o resultado final: se era gramaticalmente correcto e coherente e ese
era o criterio para decidir se o traballo estaba aprobado ou suspenso. Ademais,
a redacción destes textos levábanse a cabo fora da aula seguindo, na maioría de
casos, un modelo presente no libro de texto e con poucas máis indicacións por
parte do docente a non ser o número de palabras.
No caso do proceso, é un concepto
co que me atopei no ensino universitario, no que si se fixo máis fincapé en
técnicas como o brainstorming ou os drafts. Considero que estas pódense
considerar como técnicas para o subdesenvolvemento das destrezas da escritura,
outro apartado presente na fotocopia. Nunca antes parara a pensar que detrás da
expresión escrita hai tanto traballo e preparación e, sen embargo, é deste tipo
de cousas que unha vez descubertas son tan lóxicas que é difícil entender como
antes non o sabíamos.
Pola outra banda, nunca levei a
cabo unha tarefa de escritura colaborativa polo que isto é o que máis me chamou
a atención. Paréceme un proceso
interesante xa que son da opinión de que dúas (ou máis) cabezas sempre pensan
mellor ca unha. Ademais, considero que na maioría dos casos somos incapaces de
ver os erros nos nosos textos e que outra persoa é moito máis obxectiva e quen
de facelo.
Presentación PowerPoint: Tema 7
No caso da presentación que nos
proporcionou Gonzalo tamén na primeira sesión máis que non vimos en clase,
limitareime a comentar o que máis me chamou a atención para non repetirme.
Unha das cousas que me gustaría
comentar é a proposta sobre a escritura
creativa. En concreto, cando se fala dos problemas que pode presentar
síntome identificada xa que me considero unha persoa con pouca imaxinación á
que lle costa ter ideas de feito espontáneo. Polo tanto, para min esas
actividades sempre me producen, como mínimo, angustia cando son presentades e
tendo a bloquearme. Con isto, quero resaltar que penso que sempre hai que
coñecer ben ao noso alumnado para ser quen de adaptarnos as súas
características e solucionar situacións como estas.
Por outra banda, fálase da
importancia de crear hábitos de escrita o que me parece moi difícil. Sen
embargo, penso que ao mellor a min parécemo xa que comigo penso que non se fixo
ben. Na miña experiencia, e botando a vista cara atrás, considero que é
imprescindible que o docente este disposto a ofrecer canta axuda sexa necesaria
ao seu alumnado, así como ser moi claro na enunciación das actividades xa que
opino que moitas veces o problema é que se deixa ao alumnado un pouco á
“deriva” sen a suficiente información para levar a cabo a actividade. Dentro
deste apartado, tamén me parece destacable a idea de pedir ao alumnado que
escriban algo a partir dunha música, imaxe, filme, etc. xa que é algo que me
parece innovador e motívante.
Por último, gustaríame destacar
outra vez, o importante que me parece a figura do docente como fonte de
motivación, recursos e feedback e non
só como a persoa que manda unha activade que cualificara cunha nota numérica
sen preocuparse por nada máis que a corrección gramatical.
Presentacións
Na segunda sesión, tres
compañeiras expuxeron as súas presentacións sobre artigos relacionados coa
expresión escrita. Como no apartado anterior, falarei do que me pareceu
interesante en lugar de resumir algo que xa todos vimos.
A primeira presentación foi a de
Alejandra sobre o uso de Facebook como unha ferramenta de escritura
colaborativa. Neste artigo atópamos outra vez a escritura colaborativa como
método para a mellor da escrita e introdúcese o concepto de co-avaliación entre
iguais que como xa mencionei antes paréceme algo bo porque así, vendo os fallos
dos demais, melloramos nos tamén. Ademais, destacar que igual Facebook como
ferramenta non é a máis axeitada e que sería mellor o uso. por exemplo, de
Edmodo.
A seguinte presentación foi a de
Aida sobre o método Do it wrong!. Pareceume
unha proposta moi innovadora e diferente que sería unha ferramenta perfecta
para dinamizar unha clase. Pola contra considero que é algo que se debería usar
de xeito esporádico xa que hai que ter os conceptos moi ben fixados para que
non cree confusión no alumnado. Como gran vantaxe destacaría o comentado sobre
a erradicación do medo a errar que é o que produce na maioría dos casos que o
alumnado teña medo a expresarse na lingua meta o cal é unha gran traba na
aprendizaxe de linguas xa que impide avanzar.
Por último, a presentación de
Cristina sobre o feedback. Con está
presentación aprendín moita terminoloxía sobre o feedback que descoñecía, sobre todo os distintos tipos (ex.
Directivo, facilitativo, local, global, etc.) e a importancia de empregalos de
forma axeitada segundo o caso. Tamén me parece digno de mención o feito de que
cando se lle proporciona ao alumnado feedback
acompañando a nota numérica, tende a ser ignorado. A verdade é que na miña
experiencia cumpriuse. O último punto sobre esta presentación a ter en conta,
sobre todo como futuras docentes que aspiramos a ser, é o feito de adecuar o feedback ás características de cada
alumno para así corrixilo sen desmotivalo.
En resumo, neste tema descubrín
novos conceptos e métodos pero tamén se fixeron obvias certas cousas que espero
me sirvan moito como futura docente.
Un saúdo,
Laura
Ningún comentario:
Publicar un comentario