Boas a tod@s!
Nesta entrada, a derradeira da parte da materia de Carlos, vou falar sobre
a programación que analizamos Alejandra Alonso, Isabel Fernández e máis eu.
Fixemos unha posta en común das nosas impresións, e iso será o que comente aquí
xunto con algúns aspectos que me chamaron a atención especialmente a min.
Botádelle tamén unha ollada as súas entradas sobre a programación para ter unha
idea máis completa.
En primeiro lugar aquí está o enlace á programación de inglés do I.E.S.
Sanxenxo do curso 2013-2014 e, tamén, poño un enlace ao prezi que CristinaFernández fixo sobre a estrutura das programacións. Así tedes a referencia da
programación onde consultar o dito e tamén a presentación de Cris na que está
moi ben explicado todo o referente á programación en xeral.
Programación xeral de inglés
Contexto e Xustificación
Esta programación é da materia de inglés e está dividida entre a
programación xeral e a programación por cursos. Analizando primeiro a
programación xeral da materia destaca que non hai un apartado de contexto nin
de xustificación. O primeiro apartado é o de Competencias básicas que, se ben se pode considerar como unha
especie de xustificación, non contén todo o necesario para ser considerada como
tal (ex. especificacións do centro).
Obxectivos
O
seguinte apartado, que sería o dos obxectivos, si que aparece baixo o enunciado
de Obxectivos xerais da área de
inglés na E.S.O. e está ben feito ao estar redactado en infinitivo. Sen
embargo, os obxectivos volven aparecer dentro do apartado posterior de Criterios de avaliación dando mostras da
desorganización que caracteriza a toda a programación.
Metodoloxía
O apartado de Metodoloxía está
ben en canto a forma e, xa centrándonos no contido, pareceume ben que se impoña
que as clases deben ser en inglés, que o traballo será en parellas ou grupos e
que se debe fomentar a autonomía. O seguinte apartado debería ser o dos Contidos, sen embargo nesta programación
enmárcanse dentro dos Instrumentos de
avaliación e preséntanse dun xeito moi sinxelo facendo só referencia aos
catro bloques brevemente. Polo tanto, os contidos deberían ter un apartado
propio e estar máis desenvolvidos.
Nesta programación, a continuación do apartado de Metodoloxía, introdúcense 3 apartados: o apartado 4. Plan de mellora da competencia
lingüística, o apartado 5. Plan
lector e, o apartado 6. Actividades
complementarias e extraescolares. Se ben é verdade que coincidimos en
sinalar que nos parecen puntos interesantes e relevantes que non vimos na
programación ideal que nos presentaron, pareceunos que estes tres puntos non
deberían estar no medio da programación, senón estar cara ao final da
programación como un complemento á estrutura básica da programación.
Avaliación e Atención á diversidade
O seguinte punto desta programación é Instrumentos
de avaliación nos que tamén se inclúen os Criterios de programación e a Actuación
prevista para o alumnos coa materia pendente. Neste apartado, tamén nos
centramos algo máis no contido e, pareceunos que están moi claros os criterios
de avaliación (como por exemplo especifícase que de deixar en branco un
apartado non se contará o exame) así como que son bos xa que se leva a cabo
unha avaliación inicial, formativa e sumativa e, dáselle ao speaking o 20% da nota (que pode parecer
pouco, pero tendo en conta que na nosa etapa educativa non tiña peso algún...
). Nesta programación non existe o apartado de Calificación como tal xa que se inclúe neste de Instrumentos de Avaliación. Por último,
na programación xeral, aparece o apartado de Atención á diversiade.
Como último apuntamento sobre a programación xeral dicir que se ben se
menciona do uso das TIC ou de dicionarios, non hai unha lista de recursos
específicos aos que se poida ter acceso.
Programación por cursos
Nesta segunda parte da programación detállanse os Contidos, Secuenciación, Criterios de avaliación e Materiais recomendados específicos para
cada curso da E.S.O. Ao igual que na programación xeral tampouco hai contexto
nin xustificación. En canto aos contidos, faise outra vez referencia aos contidos mínimos e á súa
división en 4 bloques pero espcificando os de cada curso.
Unidades didácticas
A continuación aparece o apartado de Secuenciación
de Obxectivos e Contidos que viría a ser o que entendemos por unidade
didáctica. Neste caso, os apartados que se desenvolven son os de Obxectivos, Contidos, Temas transversais,
Competencias básicas e Avaliación.
Como se pode ver, nesta lista faltan apartados tan importantes como o Contexto e a Secuenciación (tamén ausentes na programación xeral), a Metodoloxía (aínda que ao aparecer na
programación xeral podería entenderse) e, a Secuenciación
das tarefas ou actividades e as actividades en si das que se comporía cada
unidade didáctica. Ademais, os apartados que aparecen non están correctamente feitos:
tal é o caso da Avaliación na que só
cita a páxina e o número de exercicio correspondente no libro o que parece moi
pouco elaborado. Destaca que, mentres que o resto da programación está
redactada en galego, o apartado de Secuenciación
está redactado en castelán. Isto fai que pareza que se fixo un copia-pega que
non transmite para nada boa impresión.
Conclusión
Polo tanto como conclusión global, pensamos que se ben a programación está
ben en aspectos relacionados tanto coa forma como co contido, é tal a
desorganización e desleixo que a impresión global non é para nada
satisfactoria.
Espero que vos pareza interesante e que comparedes esta programación coas
que analizastes vos para ver se hai fallos en común ou se, pola contra, son moi
diferentes.
Ata pronto!

Ningún comentario:
Publicar un comentario